Sunday 12 de May de 2024

O Verán Cultural animará as rúas da Pobra cun total de catorce espectáculos


A Pobra do Caramiñal converterase nun fervedoiro cultural durante este verán. Un total de catorce actividades de balde integran esta completa axenda que impulsa a Concellaría da Cultura, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. A concelleira da Cultura en funcións, Patricia Lojo, incide en que se aposta así por seguir dinamizando a vida cultural da localidade nos vindeiros dous meses e concentrando a maior parte da acción no Cantón da Leña, agás no 1 de xullo, cando se desprazará ao adro da igrexa do Castelo coa función Lavandeiras, da man de Rilo & Penadique, adscrita á undécima edición do festival internacional de narración oral Atlántica. Descubriranlle ao público todo o patrimonio oral que rodea os lavadoiros e este oficio desenvolvido tradicionalmente polas mulleres.

Tamén ao abeiro do referido festival, no día 6, Pakolas achegará a sesión Rockeando con Ramona pequena. Focalízase na historia dunha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa.

A seguir, no día 11, Odaiko lucirase co espectáculo musical chamado Vaia ritmo!

No día 13 será a quenda de A casiña de acollida, con Animar-T, que ofrecerá un contacontos teatralizado e musicalizado que fala de xenerosidade, amizade ou tolerancia, entre outros temas.

A maxia será a protagonista no día 18 coa visita do Mago Jorge e Ilusiónate.

Barafunda Animación traerá a comedia con Bambolina, no día 20, que versa sobre as divertidas aventuras e desventuras de dous pallasos, onde adquire unha especial relevancia a participación das persoas asistentes.

E Patty Diphusa intentará chegar ao máis alto en SuperHarte 2.0, no día 26. Para logra-lo seu obxectivo, a artista empregará tódalas habilidades ao seu alcance: bailando, trepando, inflando globos e, incluso, meténdose dentro deles.

O mes de agosto arrancará no día 1 con Circo na casa, a cargo de Moc Moc MeRe Clown, para, a través do clown, aborda-la importancia do repartimento das tarefas domésticas.

As cancións e o baile marcarán a xornada do día 3 co show infantil A Granxa.

A música continuará no día 4. Desta vez con De Vacas e o seu concerto Rebovina.

Simplemente Enricco porá en escena Heinrich; aprendiz de mago no día 8, onde o pintoresco personaxe realizará incribles xogos malabares e arriscados equilibrios.

Nelson Quinteiro Producións abordará contos populares dende un punto de vista moito máis cómico e actual en Pequeno cabaré infantil, no día 10, cun ritmo frenético, interacción, sorpresas, cancións, coreografías e unha escenografía moi especial.

Posteriormente, no día 11 tocará moverse con El TomaSON e a súa demostración A Pobra baila!

E Moc Moc Producións poralle o broche de ouro á programación coa súa Peque disco Moc Moc, no día 17. Converterá o espazo nunha auténtica disco móbil infantil con coreografías guiadas, xogos musicais, circo, malabares con lume ou luz e moito humor, ademais de sorpresas.